miércoles, 20 de julio de 2011

Cronica

Cando chegamos ao punto de saída, as perspectivas eran inmellorabeis. A néboa recortaba a panorámica espectacular dun muro de pedra interminable a un lado e a outro un tranquilo lago pousado na mañá fría. É dicir, un toque romántico de inicio esperando que o día escampara co sol de verán.
Atallando polo camping e ascendendo entre tupidos tuneis de faias e castiñeiros, a comitiva sendeirista dábase conta que a néboa sería constante e crecente, envolvéndonos máis preto conforme gañabamos altura. As vistas desas fermosas caídas da ruta serían aprazadas para mellor ocasión pero sempre quedan cousas que rescatar en cada camiñada. A ruta do lago foi moi próspera en compañeiros animais. Nos primeiros pasos, cabalos fortes de montaña, levaban paseniñamente a grandes e meniños resgardados nas monturas da auga e a lama do camiño. No cumio, explorando os refuxios pastoriles de pedra, entre vacas e touros afeitos aos invitados...tamén un gran e dilixente mastín que gardaba o gando nesas alturas molladas; na comida, un par de cans aceptaban de bon grado un par de galletas...ah! e non esquecer a cabra enpoleirada no alto das penas de Pola de Somiedo dialogando con Javier nese idioma que só eles coñecen. A ubicación illada de Somiedo fixo que conservaran unha fauna marabillosa, queda moito por ver: osos, urogalos, réptiles..Por suposto lembrar as pintorescas "cabañas de teito" que tanto asociamos coas pallozas do Cebreiro e verdadeira imaxe icónica de Somiedo. Somiedu en asturiano, que din que ven de Sometum, país de Montañas elevadas ao que hai que regresar un día de máis luz.

Suso Rubio